Friday 03 de May de 2024

A alcaldesa e a Ministra de Transportes impulsan as infraestruturas pendentes da cidade


Inés Rey trasladoulle á ministra a necesidade de licitar a ampliación de Alfonso Molina e de avanzar no proxecto da Cuarta Rolda

A ministra concretará os investimentos nunha próxima visita á cidade no mes de outubro

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a ministra de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Raquel Sánchez, abordaron esta mañá a situación das infraestruturas pendentes da cidade como a remodelación de Alfonso Molina e a construción da Cuarta Rolda, así como o estado da situación dos dous grandes proxectos que ten en marcha neste momento o ministerio na cidade, a estación intermodal e a conexión ferroviaria con punta Langosteira.

Rey trasladoulle á ministra a necesidade de abordar a reforma de Alfonso Molina, principal vía de entrada e saída da cidade. Respecto á cuarta rolda, Rey incidiu na necesidade de concretar avances nesta infraestrutura fundamental para mellorar a mobilidade da cidade e o propio futuro económico da cidade.
Inés Rey demandoulle así mesmo á Ministra un reforzo no compromiso orzamentario de 2023 coas infraestruturas pendentes da Coruña.

A alcaldesa manifestou a súa satisfacción pola receptividade da ministra, que se comprometeu a visitar a cidade o vindeiro mes de outubro para concretar prazos e investimentos das infraestruturas pendentes co fin de poder proceder no menor tempo posible á súa licitación.